01/10/2018
Línea Verde
info@lineaverdemunicipal.com
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou hoxe en Madrid na sesión do Consello Consultivo de Política Medioambiental para Asuntos Comunitarios, unha reunión na que trasladou cal será a postura das comunidades autónomas españolas sobre os asuntos do Consello de Ministros de Medio Ambiente da Unión Europea do próximo 9 de outubro.
Este foi o primeiro acto no que participa Vázquez Mejuto tras o seu nomeamento como conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e despois de que o pasado mes de xuño Galicia tomara oficialmente o relevo da man do País Vasco como voceira das comunidades ante o Consello de Ministros europeos do ramo.
Ao remate da reunión, que estivo presidida pola ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, a conselleira de Medio Ambiente subliñou que asume esta representación “con responsabilidade e ilusión” e convencida de que o medio ambiente debe estar “por riba de todas as cuestións e políticas públicas, xa que é a base e o soporte da nosa vida”.
Nesta liña, incidiu na importancia do papel que deben asumir todas as administracións e en concreto, a Xunta de Galicia, resaltando a súa “posición activa” a nivel estatal na loita contra o cambio climático e a prol da implantación dun modelo de economía circular.
Con este obxectivo, durante o Consello de Ministros de Medio Ambiente da UE previsto para o 9 de outubro, Galicia será a encargada de defender tres cuestións clave para Europa en materia medioambiental. A primeira delas será reclamar, en relación á proposta dun regulamento comunitario sobre normas de emisións de CO2 para vehículos lixeiros (turismos e furgonetas), que se incremente a achega do transporte aos obxectivos comúns de redución de emisións de gases efecto invernadoiro, a aposta por medios alternativos de transporte e o apoio aos incentivos para o uso de vehículos limpos.
O próximo Consello de Ministros europeos tamén servirá para que as comunidades españolas se pronuncien sobre o documento de conclusións que se debaterá na Conferencia das Partes de Cambio Climático (COP 24) que se celebrará en Katowice (Polonia) no mes de decembro. Vázquez Mejuto explicou que a posición común ante esta cita irá na liña de apoiar accións contra o cambio climático, promover campañas de concienciación e avanzar cara a unha contratación pública verde, un aspecto no que, lembrou, Galicia ocupa unha posición destacada e na que xa leva meses traballando.
Por último, Vázquez Mejuto indicou que o próximo Consello de Ministros europeos tamén servirá para que as comunidades reclamen un maior esforzo de toda Europa co fin de que, de aquí a 2020, se poña remedio a factores que inciden de forma determinante na perda da biodiversidade como a degradación do solo, o aumento das especies invasoras, a contaminación mariña e terrestre e o cambio climático.
Galicia ostentará a representación autonómica ante o Consello de Medio Ambiente da UE e participará nos grupos de traballo desta institución en materia medioambiental durante o segundo semestre deste ano, un período no que está previsto que os ministros se reúnan en dúas ocasións: o próximo 9 de outubro e o 20 de decembro.
Xunta de Galicia
Cerrar [X]Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies