Medio Ambiente avaliará o impacto do cambio climático no litoral galego coa elaboración de cartografía dixital da totalidade de concellos costeiros

10/09/2018

Línea Verde

info@lineaverdemunicipal.com

  • A Consellería de Medio Ambiente licita un contrato co que se obterá información actualizada e cunha elevada resolución espacial sobre a cobertura e uso do solo, que pasará da escala 1/25.000 a unha escala 1/5.000
  • Esta modelización do territorio en 82 concellos axudará a localizar posibles puntos de derrube, realizar estudos sobre zonas inundables e identificar espazos susceptibles de sufrir alteracións debidas ao cambio climático
  • A costa de Galicia converterase nunha das poucas zonas de España cartografadas con este elevado grado de precisión

Co obxectivo de avaliar o impacto do cambio climático no litoral de Galicia, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio licita un contrato para a elaboración de cartografía dixital sobre a totalidade de concellos costeiros. O importe deste contrato é de case 350.000 euros, e permitirá obter información completa e actualizada a unha escala axeitada de 82 concellos galegos, que suman 2.555 quilómetros de costa.

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático e o Instituto de Estudos do Territorio colaboran nesta nova acción -que se pode consultar na plataforma de contratación da Xunta de Galicia- dentro dos estudos do Goberno galego para coñecer a adaptación da costa de Galicia ao cambio climático e que forma parte das accións da implantación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050.

Os traballos, que se prolongarán ata maio de 2019, permitirán obter datos completos, continuados, actualizados e a unha escala axeitada para avaliar os riscos que implica o cambio climático nas zonas costeiras de Galicia. Tendo en conta que a acción do mar e dos axentes atmosféricos estase a manifestar de xeito máis intenso nos últimos anos, a modelización territorial da costa axudará a situar os posibles novos puntos de derrube sobre taludes costeiros, a realizar estudos de zonas inundables, a identificar as actividades humanas potencialmente afectadas ou a localizar os espazos naturais susceptibles de sufrir alteracións debidas ao cambio climático.

Dende a Consellería de Medio Ambiente indícase que para poder determinar ditos riscos é necesario identificar as zonas potencialmente afectadas e valorar as ameazas e vulnerabilidades das mesmas, así como localizar os elementos situados dentro destes ámbitos que poidan supoñer un risco para as persoas, os medios de vida, os servizos ambientais e os bens económicos, sociais ou culturais.

Os traballos consistirán na elaboración dun modelo dixital en tres dimensións de alta resolución de toda a zona costeira de Galicia; para o que será necesario empregar datos LIDAR (láser aerotransportado) de alta resolución espacial (3 ptos/m2) que proporcionarán un conxunto de a lo menos 9.000 millóns de puntos de coordenadas xeográficas cunha gran precisión. A partir desta información, obteranse os Modelos Dixitais do Terreo e de Superficie (este último inclúe a altura dos edificios e a vexetación), cun nivel de detalle nunca antes acadado en Galicia para unha superficie tan extensa. Así, a costa de Galicia converterase nunha das poucas zonas de España cartografadas con este elevado grado de precisión.

Asemade, obterase información actualizada e cunha elevada resolución espacial (non dispoñible actualmente) sobre a cobertura e uso do solo na totalidade da superficie dos concellos costeiros. Os traballos determinarán as coberturas do solo para a realidade territorial galega, delimitando de xeito preciso coberturas como viñedos, árbores de frondosas, prados, terreos, humidais ou edificacións entre outras moitas. O aspecto máis destacado desta nova información será o grande incremento do seu detalle espacial, xa que se pasará de dispoñer de información sobre a ocupación do solo a escala 1/25.000 a unha escala 1/5.000, que na práctica significa discriminar as coberturas do solo a nivel de parcela.

Ademais do incremento no grado de exactitude xeográfica deste inventario, aumentará tamén a riqueza dos datos recopilados, xa que se obterá un maior número de atributos para cada cobertura do solo, especialmente para as coberturas forestais e agrícolas, xa que estas son as máis diversas e as que ocupan unha maior extensión territorial.

Os traballos tamén consistirán na definición das unidades ambientais do ámbito máis próximo á costa, incrementando a información xa dispoñible para a rede de espazos naturais a un ámbito duns 33,97 km2 adicionais, e prestando especial atención aos hábitats de tipo mariño, costeiro e de transición ao medio continental. Grazas a este labor, actualizarase a cartografía dos concellos costeiros para a avaliación de potenciais danos en elementos como edificacións, estradas e camiños. Esta tarefa realizarase na totalidade da superficie dos concellos litorais, pero presentará un especial grado de detalle no ámbito máis próximo á liña de costa, por ser este o máis afectado pola posible subida das augas e pola necesidade de localizar infraestruturas e edificacións críticas que se puideran ver afectadas.

Este contrato está financiado polo Plan de Impulso ao Medio Ambiente para a Adaptación ao Cambio Climático en España (PIMA Adapta), unha iniciativa que ten como obxectivo poñer en marcha proxectos concretos de adaptación ao cambio climático e que está enmarcado dentro do Plan Nacional de Adaptación ao Cambio Climático (PNACC).


Xunta de Galicia

Campaña Cans de Compaña

Actualidade ambiental

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies