Medio Ambiente reitera o seu compromiso para que Galicia teña unhas rías saneadas e con boa saúde ambiental no ano 2020

06/06/2018

Línea Verde

info@lineaverdemunicipal.com

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio sinala que a Comunidade conta co Plan Hidrolóxico Galicia- Costa, unha folla de ruta na que se recollen 150 medidas e un investimento de 654 millóns de euros

Indicou que estas cifras teñen o seu reflexo real en obras e proxectos xa rematados ou en execución, como a posta en funcionamento da EDAR de Vigo, o tanque de tormentas de Santa Cruz e os bombeos do Temple e da Pasaxe, que se rematarán este ano, ou o convenio de colaboración con Rianxo de 14 millóns de euros para completar o saneamento

Lamenta a actitude de “tripla deslealdade” que mantén o Concello de Santiago cunha actuación prioritaria e ineludible como é a futura depuradora de Santiago

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, reiterou o compromiso do Goberno da Xunta para que a Comunidade galega conte cunhas rías saneadas e con boa saúde ambiental no ano 2020. Así o puxo de manifesto unha vez máis no Pleno do Parlamento, onde destacou que é “absolutamente prioritaria a mellora e conservación da calidade das masas de auga” e para iso a Xunta conta cunha folla de ruta “o Plan Hidrolóxico Galicia- Costa, que recolle 150 medidas e supón un investimento de 654 millóns de euros, dos cales 130 se destinan ás rías”.

Grazas a este programa de planificación, no horizonte 2020 estará concluída toda a planificación do saneamento das rías e a maior parte das infraestruturas estarán en execución, puntualizou.

Mato Otero recordou que a mellora das rías é unha cuestión que centrou os esforzos do Goberno da Xunta desde o ano 2009 e engadiu que ditos esforzos se traducen na mobilización de máis de 1.100 millóns de euros en saneamento e abastecemento, grazas aos cales se levaron a cabo máis de 350 actuacións de saneamento que beneficiaron a 165 concellos; máis de 300 actuacións en materia de abastecemento en 186 concellos; e tamén se construíron 45 novas depuradoras, con capacidade para dar servizo a 1,7 millóns de galegos e galegas, é dicir, a máis da metade dos cidadáns.

A conselleira de Medio Ambiente indicou que estas cifras teñen o seu reflexo real en obras e proxectos xa rematados ou en execución. A modo de exemplo, recordou a recente posta en funcionamento da EDAR de Vigo, na que se investiron 208 millóns, dos que 75 corresponden á Xunta. Recordou que é a infraestrutura que supuxo o maior investimento nunha obra hidráulica na historia do Goberno galego e que virá a mellorar a situación das augas desta ría e do marisqueo.

Na ría do Burgo se investiron máis de 100 millóns nos últimos anos, que incidiron directamente no estado desta ría, grazas aos cales foi unha realidade a EDAR de Bens e do seu emisario, nos que a Xunta investiu máis de 21 millóns. As dúas actuación que restan -e que se rematarán este ano- son o tanque de tormentas de Santa Cruz, cun investimento de 4 millóns, e os bombeos do Temple e da Pasaxe, obra valorada en 2,1 millóns.

Tamén destacan os 36,5 millóns de euros investidos no saneamento da ría de Pontevedra desde o ano 2009 e indicou que as futuras actuacións para a mellora definitiva desta ría estarán enmarcadas no Plan de Saneamento Local. Outra actuación prioritaria para mellorar o estado da Ría de Pontevedra é a Edar de Poio, para a que se reserva unha partida de 6 millóns de euros; pero cuxo emprazamento está pendente desde hai case dous anos; a pesar de que a Xunta presentou ao Concello varias opcións.

As masas de auga en bo estado en Galicia pasaron do 70,6% ao 77,5%; esta mellora foi grazas -en boa parte- aos 55 millóns de euros investidos na ría de Arousa, para a posta en marcha da Edar de Ribeira e o impulso as novas depuradoras do Grove, Ribadumia ou Corrubedo; sen esquecer o convenio de colaboración asinado con Concello de Rianxo, por un importe de 14 millóns de euros, para completar o saneamento, coa ampliación da Edar e a creación dunha nova rede de colectores e tanques de tormentas.

Na zona norte, destaca o traballo realizado na ría de Ferrol, cuxo investimento da Xunta de 115 millóns de euros, que se suma aos 270 millóns do Goberno estatal, permitiu financiar integramente o saneamento da marxe sur da ría e todo o sistema está en servizo coa posta en marcha da EDAR e a conexión da nova rede. De feito, en setembro se asinaba o convenio para o saneamento da enseada da Malata, con 7 millóns de euros.

Ao longo destes últimos anos tamén se actuou nas Rías Altas, coa posta en marcha da EDAR de Ribadeo (18,5 M€) e sen traballou nos proxectos da nova depuradora de Foz, na ampliación da EDAR de Burela e na mellora do saneamento do Viveiro.

Edar de Santiago

A conselleira destacou que o Goberno galego ten dado pasos decididos e continuos, traballando con esforzo para acadar unha xestión eficaz e eficiente da auga que garanta o saneamento integral das nosas rías. Un traballo para o que é necesario a colaboración dos concellos, que é a administración que ten as competencias en depuración e saneamento.

Neste sentido, a conselleira de Medio Ambiente lamentou a actitude de “tripla deslealdade” que mantén o Concello de Santiago cunha actuación prioritaria e ineludible como é a futura depuradora de Santiago. Sinalou que a postura de concello local pon de manifesto a súa falta de compromiso co medio ambiente, co río Sar; coa cidadanía de Compostela, que impide a axeitada planificación do ciclo urbano da auga; e coas administracións, Xunta e Estado, que están a colaborar no desenvolvemento dunha competencia estritamente municipal.

Recordou que esta actuación está declarada de interese xeral do Estado, que implica a tres administracións, para o que xa había un compromiso de financiamento e incluso un primeiro borrador de convenio, chegando a celebrarse en setembro de 2017 unha reunión para pechar un texto definitivo.

Non obstante, o Concello de Santiago mudou de parecer explicando por carta que non podía asinar un convenio, que estaba practicamente pechado, e plantexando dúbidas sobre o emprazamento e sobre o reparto de financiamento.

Lamentou que o Concello non comparta a opinión da Xunta que considera prioritario que Santiago conte cunha nova Edar e que o faga o antes posible por varios motivos: pola proximidade da caducidade da Declaración de Impacto Ambiental, a posible perda das achegas do fondo europeo Feder, e unha posible sanción de Europea, porque sobre esta aglomeración urbana recae unha sentenza da Unión Europea por incumprimento da directiva de tratamento de augas.

Xunta de Galicia

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies