A Xunta invita á sociedade a contribuír no deseño da futura Estratexia de infraestrutura verde de Galicia a través de máis de medio cento de obradoiros participativos

13/04/2018

Línea Verde

info@lineaverdemunicipal.com

Hoxe celébranse en Ordes os dous primeiros talleres cos que se canalizará o proceso de participación pública para a elaboración do documento

O Instituto de Estudos do Territorio ten programados obradoiros ao longo dos meses de abril e maio nas catro provincias galegas

A metade destes talleres van dirixidos a representantes municipais e persoal técnico dos concellos, e o resto de encontros están abertos á cidadanía en xeral

Nos próximos meses tamén se organizarán sete encontros sectoriais para coñecer a perspectiva que teñen sobre o proxecto diferentes colectivos profesionais

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de iniciar un proceso aberto de participación pública para facilitar que diferentes colectivos do ámbito público e privado e a cidadanía en xeral poidan contribuír coas súas achegas ao deseño da futura Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia.

Este exercicio participativo canalizarase a través dun total de 48 obradoiros programados para os meses de abril e maio en 24 concellos, é dicir, a razón de dous en cada municipio. Os primeiros destes encontros comarcais celebraranse hoxe en Ordes e ao igual que o resto, consistirán nun taller de traballo matinal dirixido a representantes políticos e persoal técnico municipal e noutro de tarde, cun formato aberto á poboación en xeral e pensado para que participen asociacións, empresas e calquera persoa particular interesada no tema.

Toda a información relativa a este proceso así como o calendario de obradoiros de abril está dispoñible xa na web infraestruturaverdedegalicia, desde onde as persoas interesadas en participar poderán rexistrar telematicamente a súa inscrición. Así mesmo, se alguén non pode asistir presencialmente, tamén se ofrecerá a posibilidade de realizar achegas mediante un sistema de consulta pública dixital que estará dispoñible na mesma web proximamente.

Coa posta en marcha dos traballos da Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia, a Xunta adiántase a un futuro requirimento do Goberno do Estado en materia ambiental e camiña na dirección sinalada por Europa.

Así, en resposta ao deterioro e á perda de biodiversidade, a Comisión Europea fixo unha comunicación no ano 2013 titulada Infraestrutura Verde co reto de promover nas áreas urbanas e rurais da UE este tipo de instrumentos de planificación de zonas naturais e doutro tipo de elementos para garantir a provisión de servizos ambientais e a protección paisaxística nestas zonas. Neste sentido, a finalidade da futura estratexia é crear unha rede de espazos planificados para ofrecer á poboación unha ampla gama de servizos ambientais.

Neste obxectivo enmárcanse os traballos impulsados pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), que en 2017 comezou a avanzar en colaboración coas Universidades de Santiago de Compostela e de A Coruña no deseño deste documento a través de cinco grupos de investigación de recoñecido prestixio no eido da planificación.

Precisamente, o pasado mes de marzo celebrouse na Coruña unha xornada na que se presentou o resultado dese primeiro traballo de inventariado realizado por estes equipos en colaboración directa co IET. O seguinte paso no que se traballará é definir os criterios de xestión da Infraestrutura Verde, é dicir, cales serán as indicacións sobre como deberían xestionarse estas zonas, que usos se deben promover, e que características deberían cumprir as diferentes actividades.

Neste contexto enmárcanse precisamente os talleres presenciais programados ao longo de abril e maio. Logo dos primeiros obradoiros celebrados hoxe en Ordes, para este mes están previstos outros 12 talleres, dous en cada concello dos que se relacionan a continuación:

LALÍN (PONTEVEDRA)

17 DE ABRIL
O PINO (A CORUÑA)
19 DE ABRIL
BURELA (LUGO)
20 DE ABRIL
VERÍN (OURENSE)
24 DE ABRIL
ALLARIZ (OURENSE)
25 DE ABRIL
VILALBA (LUGO)
27 DE ABRIL


Ademais, co fin de completar este proceso participativo desde unha perspectiva máis especializada, tamén están previstos sete talleres cun ámbito de actuación autonómico e relacionados directamente cos seguintes sectores: ambiental, agro-gandeiro, enerxético, forestal, patrimonial-cultural, pesca, turismo e deporte.

Estes encontros sectoriais configuraranse como espazos nos que congregar a persoas, institucións públicas e privadas, asociacións e/ou representantes das Administracións, entre outros, que comparten obxectivos pola materia á que se dedican.

Xunta de Galicia

Campaña Cans de Compaña

Actualidade ambiental

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies