Medio Ambiente subliña a importancia da conservación das aves en Galicia como garante do equilibrio dos ecosistemas e do desenvolvemento sustentable

09/10/2014

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza aprobou nestes dous últimos anos os plans de conservación ou recuperación de dúas aves do Catálogo galego de especies ameazadas, a píllara das dunas e a escribenta das canaveiras

A Consellería de Medio Ambiente tamén está a desenvolver actuacións para recuperar a poboación da águia real, tratando de que esta especie senlleira retorne a todas as serras onde antano campaba

As aves mariñas son tamén obxecto de medidas de protección, polo que no Parque Nacional das Illas Atlánticas préstase especial atención á conservación da gaivota patiamarela ou o corvo mariño cristado


O Día Mundial das Aves Migratorias é unha iniciativa global e anual que ten como obxecto a toma de conciencia sobre as necesidades de conservación das aves a nivel mundial. Está organizado polas secretarías do Acordo para a Conservación das Aves Acuáticas de África e Eurasia (AEWA) e da Convención sobre Especies Migratorias (CMS), dous tratados internacionais sobre a vida silvestre con sede en Bonn e administrados polo Programa das Nacións Unidas sobre Medio Ambiente (PNUMA).

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza considera que as aves son fundamentais para manter o bo estado do medio, boas sentinelas da saúde ambiental do entorno, non só porque contribúen a esa saúde, senón porque sofren os impactos da destrución e contaminación dos seus hábitats, que antes ou despois afectará á nosa saúde e calidade de vida. Xunto con isto, as aves evitan pragas e desequilibrios nos nosos ecosistemas.

A Consellería de Medio Ambiente cre necesario concienciar á cidadanía sobre o feito de que a perda desta biodiversidade é custosa para a sociedade e para os sectores que dependen directamente dos servizos que prestan as aves: así por exemplo, o custe de manter os cultivos libres de pragas sería incalculable de non existir o control que exercen as aves sobre os insectos.

Protección e recuperación 

A Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, está a desenvolver actuacións para recuperar o declive dalgunhas das especies máis ameazadas en Galicia. Así, nestes dous últimos anos aprobáronse os plans de conservación ou recuperación de dúas das especies de aves do Catálogo galego de especies ameazadas, a píllara das dunas e a escribenta das canaveiras.

Nesta liña de protexer e conservar as aves en perigo de extinción en Galicia, a Consellería de Medio Ambiente está a desenvolver actuacións para recuperar a poboación da águia real, tratando de que esta especie emblemática retorne a todas as serras onde antano campaba.

As aves mariñas son tamén obxecto de medidas de protección, polo que o Parque Nacional das Illas Atlánticas é un dos principais paraxes nos que a Xunta vén traballando en materia de conservación destas especies. Así, por exemplo, as Illas Cíes acollen singulares exemplares de aves mariñas, xa que a abundancia de microorganismos posibilita que estas especies atopen alimento durante a súa reprodución. Isto explica a nidificación da gaivota patiamarela ou o corvo mariño cristado, que teñen as súas principais colonias de cría neste arquipélago do parque nacional.

Galicia conta cunha superficie de 29.574 km2 de variado relevo nos que se atopan unha gran diversidade de hábitats e ecosistemas, distribuídos dende o complexo borde litoral á abrupta orografía montaña do interior. Esta heteroxeneidade de condicións posibilita que, en Galicia, se atopen unhas 350 especies de aves, considerando tamén aquelas que só aparecen esporadicamente no noso territorio. Algo máis da metade desas especies (162) reprodúcense en Galicia, mentres que 70 delas pódense observar durante os seus movementos migratorios

Tamén a oficina estatística europea, Eurostat, inclúe o seguimento das poboacións de aves entre os índices máis importantes para medir a sostibilidade e benestar social, considerándoas necesarias para garantir a boa saúde do entorno e o desenvolvemento sostible, que impida que as futuras xeracións se atopen cun medio ambiente degradado.

 

Campaña Cans de Compaña

Actualidade ambiental

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies