Os areais das Illas Cíes, obxecto dos traballos de limpeza que os voluntarios levan a cabo ao longo da xornada de hoxe

19/05/2014

Redacción Ambientum

O Parque das Illas Atlánticas colabora co Campus do Mar e a Asociación de Oceanógrafos de Galicia neste proxecto

Os asistentes estarán organizados en grupos de traballo e acompañados de persoal especialista en oceanografía, co fin de colaborar na retirada de residuos sólidos

Santiago, 17 de maio de 2014.- O Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, en colaboración co Campus do Mar e a Asociación de Oceanógrafos de Galicia, organiza unha xornada de limpeza de praias nas illas norte e sur de Cíes que ten lugar hoxe, sábado, 17 de maio.

Esta acción execútase no marco da celebración do Día Internacional da Diversidade Biolóxica, dedicado este ano ás illas e áreas mariñas costeiras.

Os participantes embarcaron no Peirao da Laxe, no Porto de Vigo, ás 9.50 horas para saír rumbo ás Illas Cíes. Os asistentes estarán organizados en grupos de traballo e acompañados de persoal especialista en oceanografía, co fin de poñer o seu gran de area colaborando na retirada de residuos sólidos que chegan ás costas das Cíes por acción do mar.

Os asistentes tamén disporán de tempo para descansar e gozar da contorna, completando así unha xornada que combinará a acción en prol do bo estado ambiental das nosas costas máis valiosas e a oportunidade de pasar un día agradable na illa.

As prazas para participar neste proxecto de limpeza de areais xa están cubertas. De darse o caso, as persoas que non puideran asistir á data alternativa poderán dar de baixa a súa inscrición e as prazas libres cubriranse facendo uso da lista de agarda.No caso de cancelación por adverso meteorolóxico, a actividade aprazarase ao sábado seguinte.

Retirada do lixo

O lixo mariño é recoñecido como unha crecente presión emerxente no medio ambiente costeiro e mariño. Ten impactos sobre a vida silvestre e os hábitats, así como nas actividades humanas e a saúde. Logo da conferencia de Río +20, hai un compromiso internacional para reducir os residuos mariños de xeito significativo en 2025.

O Parque Nacional está baixo o Convenio OSPAR, desde o ano 2007, resultado de refundir os anteriores: o convenio de Oslo para a prevención da contaminación mariña provocada por vertidos desde buques e aeronaves; e o convenio de París, para a prevención da contaminación mariña de orixe terrestre.

A Axencia Europea de Medio Ambiente ofrece unha aplicación para monitorizar a retirada de lixo das praias, aportar información e ao mesmo tempo explorar os beneficios da participación dos cidadáns na recollida e seguimento dos residuos mariños. Os participantes que conten cun teléfono ANDROID poderán descargar a aplicación e monitorizar a súa recollida: http://www.eea.europa.eu/themes/coast_sea/marine-litterwatch

Campaña Cans de Compaña

Novas

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies