O Concello de Redondela presenta un sistema de comunicación de incidencias no equipamento urbano vía móvil

15/02/2013

Redacción Línea Verde

O Concello de Redondela puxo en marcha un novo servizo que permite á cidadanía, a través dunha novidosa aplicación para dispositivos móbiles, comunicar as incidencias no equipamento urbano que detecten no municipio e resolver gratuitamente todas as súas dúbidas ambientais da man de expertos neste ámbito.

A presentación do novo servizo será o venres, 15 de febreiro, ás 12.00 h, no salón de plenos da Casa do Concello, e súmase ao que xa ofrecía Liña Verde Redondela, cun servizo de consultas en liña e unha ampla información sobre o medio e o concello no portal www.lineaverderedondela.com

A nova aplicación Liña Verde permite que os cidadáns comuniquen incidencias no equipamento urbano dun xeito moi sinxelo. Para iso, unha vez aberta a aplicación no seu dispositivo móbil, tan só ten que seleccionar unha categoría, detallar a incidencia e, se o desexa, achegar unha foto da mesma.

O propio dispositivo detectará por xeo-localización as coordenadas exactas nas que se sitúa a incidencia, aínda que a persoa usuaria tamén poderá facelo manualmente se decide enviar o aviso noutro momento dende outro lugar. Deste modo, calquera persoa poderá comunicar, de xeito moi sinxelo, deficiencias na iluminación, a limpeza, o mobiliario urbano ou a rede de sumidoiros, entre outras moitas categorías, que detecten no seu concello.

Os técnicos municipais ou da empresa de servizo correspondente recibirán de forma inmediata o aviso, e poderán actualizar directamente o estado da incidencia. Cando a incidencia estea resolta, a persoa que fixo a denuncia recibirá unha notificación no seu móbil.

A través da mesma aplicación ou da web as empresas do municipio tamén poderán resolver gratuitamente todas as súas dúbidas de xeito sinxelo, nun prazo máximo de 24 horas. Expertos en medio ambiente resolverán as preguntas formuladas polas empresas redondelás relacionadas coa lexislación ambiental, os sistemas de xestión ambiental, a xestión de residuos ou provedores de servizos e tecnoloxías. Ademais, a Liña Verde atende as consultas dos cidadáns acerca da reciclaxe, o aforro enerxético, a contaminación acústica, zonas verdes ou calquera outro tema relacionado co medio ambiente, e permite tamén realizar consultas sobre trámites administrativos, axudas e subvencións, enerxías renovables, tecnoloxías limpas, cursos, etc...

As persoas usuarias tan só terán que entrar na web, rexistrarse e realizar a súa consulta en liña, e poderán obter resposta a preguntas tan sinxelas como: 

  • É mellor apagar os fluorescentes ou deixalos acendidos se se vai volver deseguido?
  • Que subvencións existen para un proxecto dunha instalación de tratamento de augas industriais?
  • Que consellos podo seguir para o aforro enerxético nas lavadoras?
  • Existe un Punto Limpo no municipio?
  • Que se fai coa roupa que se recicla? 

Ademais do servizo de consultas e de comunicación de incidencias, Liña Verde ofrece á cidadanía de Redondela unha completa información sobre temas relacionados co medio natural. Alí as persoas usuarias poderán encontrar noticias, documentos, manuais, ordenanzas, lexislación nacional e autonómica, axudas e subvencións, axenda de eventos destacados, un completo glosario con termos ambientais e preguntas frecuentes, entre outras posibilidades.

Expertos en Medio resolven as preguntas formuladas polos empresarios de Redondela.

Campaña Cans de Compaña

Actualidade ambiental

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies