Medio Ambiente difunde 'Aqueles monstros anciáns que viven baixo a terra’, un libro dixital para aprender as vantaxes sobre a compostaxe

09/02/2019

Línea Verde

info@lineaverdemunicipal.com

Trátase dunha iniciativa que se enmarca no proxecto europeo Res2ValHum, co que se pretende poñer en valor a materia orgánica contida nos residuos urbanos

A través das personaxes Rufo, Pedro e Coco, tres microorganismos que viven baixo a terra, cóntase dun xeito lúdico e divertido o que é a economía circular, achegando aos máis cativos a este modelo no que prima a transformación de residuos en recursos

O libro será distribuído entre os escolares de infantil e primaria e tamén é de acceso público á sociedade en xeral a través da web de Sogama

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través de Sogama, difunde a publicación dixital co título Aqueles monstros anciáns que viven baixo a terra, un libro que aborda as vantaxes sobre a compostaxe.

A publicación deste título é unha das iniciativa do proxecto europeo Res2ValHum, no que Sogama é socia, e pretende ensinar dun xeito didáctico, lúdico e sinxelo os pormenores e bondades da compostaxe.

Os protagonistas desta historia son tres microorganismos, Rufo, Pedro e Coco, que viven baixo a terra, onde pasan o seu tempo comendo restos orgánicos que logo converten nun slime máxico que se chama compost, un abono natural que aporta nutrientes de alta calidade para plantas e cultivos que logo serven de alimento.

No conto amósase como o compost aporta nutrientes que melloran o crecemento das plantas, polo que se anima aos nenos a facer este abono natural no cole ou nos seus fogares coa comida sobrante, xa que Rufo, Pedro e Coco estarán esperando este residuo coa boca aberta.

A finalidade desta publicación preténdese poñer en valor as posibilidades que a compostaxe ofrece ao permitir a transformación da materia orgánica contida nos residuos nun abono natural con alto poder fertilizante, permitindo pechar o círculo de aproveitamento da mesma ao devolvela á terra.

Desde unha dimensión lúdica e didáctica, con debuxos orixinais e inéditos, os nenos descobren un novo mundo de posibilidades, adentrándose plenamente no concepto de economía circular, baseado no máximo aproveitamento dos produtos e a transformación dos residuos en recursos.

Este conto, editado en formato dixital, farase chegar a todos os centros escolares de infantil e primaria de Galicia, permanecendo tamén a disposición dos interesados na páxina web de Sogama, a través deste enlace.

Sobre Res2ValHum

A edición deste título é unha iniciativa do proxecto de cooperación transfronteiriza Res2ValHum, integrado no programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, no que participan sete socios. Por parte de Portugal, participan a Universidade do Minho, que asume o seu liderado, sendo o principal beneficiario, o Centro de Valorización de Residuos, o Servizo Intermunicipalizado de Xestión de Residuos de Grande Porto e BRAVAL (Valorización e Tratamento de Residuos Sólidos, S.A). Por por parte de Galicia, participan SOGAMA (Sociedade Galega do Medio Ambiente), a Universidade de Santiago de Compostela e o Centro de Valorización Ambiental do Norte, S.L.

O principal obxectivo desta iniciativa é enxalzar as vantaxes asociadas á recuperación da materia orgánica mediante a súa transformación en compost, con amplas posibilidades, non só na actividade puramente agrícola ou como remedio para os solos contaminados, senón ata no ámbito da cosmética e accións terapéuticas diversas.

Entre outras actividades, o proxecto inclúe a caracterización dos residuos orgánicos producidos en Galicia e Norte de Portugal, a avaliación e optimización do compost xerado a fin de incrementar o seu contido en substancias húmicas, tendo en conta o seu perfil químico e actividade biolóxica, e a valorización do mesmo para incrementar as súas utilidades. Así mesmo, representa unha magnífica oportunidade para estreitar lazos a ambos os dous lados da fronteira, intercambiar experiencias e coñecementos para avanzar cara a unha xestión máis sostible dos residuos.

Xunta de Galicia

Campaña Cans de Compaña

Actualidade ambiental

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies